Monday 3 December 2012

So long, Homeland! Fuches unha gran serie...


Estou bastante afeita a escoller unha serie como a sorpresa da tempada e que a cancelen case coma se os executivos das cadeas estadounidenses lesen este blog e buscasen formas crueis de burlarse de min (Awake, Last Resort). Tamén estou afeita a que series que comezaron sendo boas ou cando menos entretidas vaian entrando aos poucos nunha espiral de inwatchabilidade (perdón polo galinglish, non se me ocorre outro termo para dicir unwatchable sen que sexa invisíbel, que non é o que quero dicir, vaia tradutora) até que miralas cada semana se converte nun trámite aburrido (The Office, The Big Bang Theory, How I Met Your Mother). O que non me esperaba é que fixo Homeland hoxe. Iso si que non o esperaba, e estou cabreada.

En palabras de Saul:


Para explicar o meu cabreo vai ser mellor que empece por contar qué pasou no capítulo de hoxe de Homeland, pero para iso teño que remontarme aos capítulos anteriores, porque hai máis de quince días que non publico unha entrada nova (unha crítica por semana? a quen quería enganar?). Á luz da nova deriva do guión non estou segura de poder ser moi xusta resumindo os capítulos anteriores porque non deixo de pensar no estúpido que foi todo o que aconteceu esta semana, tan estúpido que case anula todas as xenialidades previas desta tempada, nun claro caso de Lostitis aguda, pero vou tentar compartimentar.

E iso, spoiler alert, blablabla.

Homeland (Tempada 2, Episodios 7, 8 e 9) ★★★★☆

Pasaron unha chea de cousas nestes tres episodios: Brody e Carrie liáronse outra vez! Saul e o resto da CIA escoitaron con cara de circunstancia cómo Brody e Carrie se liaban outra vez! Volveu Aileen! Morreu Aileen! O fillo de Brody tivo dúas frases no diálogo! Virgil! Adoro a Virgil.

Vou tentar ir por orde.

En The Clearing, o primeiro deses tres episodios, Roya Hammad díxolle a Brody que por culpa da operación nada secreta nin delicada de Gettysburg perderan algúns homes, e que precisaba que el estivese máis involucrado na célula terrorista. A el pareceu non facerlle moita graza, pero non se tiña por que preocupar, porque o seu labor consistía en ir pasar a fin de semana á mansión dun millonario con festas na piscina, paseos polas cortes e demais, e de paso “estar perto do vicepresidente”, o cal a min pareceume unha misión un pouco chorras, pero que saberei eu, nunca dirixín unha célula terrorista. Dana seguiu dando a barrila con que había que contarlle aos maiores que atropelaran unha vella, e Finn non quería nin de coña, pero comezaron a discutir por iso e finalmente as mamás descubriron todo. Entón Morena Baccarin primeiro e Brody despois comportáronse como auténticos necios, querendo ir á policía a explicar que o fillo do Vicepresidente dos EUA e a filla do futuro Vicepresidente dos EUA atropelaran unha muller, déranse á fuga e deixárana morrer na rúa. Que clase de carreira política pretendían ter estes dous? Hai dous capítulos Morena Baccarin estaba toda tola coa idea de ser Segunda Dama? Viceprimeira Dama? pasase o que pasase e agora escandalízase porque a muller do Vicepresidente non quere oír falar de ir á policía coa historia do atropelo e fuga? Non hai quen a entenda.

Vouvos aforrar o suplicio desta liña argumental: Brody acompañou a Dana á policía a contalo todo; Carrie interceptouno e explicoulle que nin de coña podía xogar ao pai honrado cando a seguridade nacional estaba en xogo e blablabla; Dana chinouse con el por non deixarlle contalo e porque foi Carrie, a amante tarada, a que llo impediu; Dana marchou a casa de Mike, nun movemento que eu diría que foi do máis intelixente que fixo esta rapaza desde que comezou a serie, porque se es unha adolescente cabreada e de verdade queres ferir ao teu pai, escapa del e vai pasar uns días á casa do seu ex-mellor amigo/ex-amante da túa nai; Mike levouna a ver a filla da señora morta, moito máis realista e espabilada que Dana, quen lle dixo que tivese a boca calada porque a oficina do Vicepresidente estaba a pagarlle un pasturcio para que non lle contase a ninguén o do atropelo; fin da horríbel historia do atropelo e fuga. Para o único que serviu todo isto, aparte de para ver suspirar a Dana aínda máis, foi para estresar a Brody até o punto de dicirlle a Roya que mandaba todo á merda e que pasaba de Abu Nazir, o que á súa vez levou a Carrie a “secuestrar” a Brody para reprogramalo, e ao sexo escoitado por toda a CIA e parte de outras axencias, e a que Abu Nazir secuestrase a Brody para re-reprogramalo. Pero a iso xa chego agora.

As decisións estúpidas ás veces comezan cunha aperta.
E agora, un exemplo de trama secundaria que tampouco leva a ningures pero que, ao contrario cá de Dana, susténtase por si propia e é entretida e conmovedora como para non decepcionarnos cando vemos que non ten relación coa trama xeral: Saul e Aileen. Resulta que grazas a seguir a Roya Hammad, a CIA tiña fotos dun novo terrorista con cara de terrorista pero non sabían quen era, e a falta dunha pista mellor Saul decidiu ir á Prisión de Máxima Seguridade do Carallo 29 para tentar sacarlle información a Aileen, a terrorista americana que detiveran na anterior tempada. Esta premisa é un pouco frouxa porque dubido que entre a CIA e os carcereiros Aileen non estivese xa sen uñas, moas e dignidade para que revelase toda a información pertinente sobre toda Al Qaeda, pero o que viu a continuación foi bonito. Saul atopou a Aileen nun rocho de 2x2 no soto da prisión, e cando ela lle dixo que só ía falar con el fóra da cela, el preguntou, estrañado “e logo que ten isto de malo?”. MecagonaCIA, o primeiro golpe no estómago. Foron a unha sala cunha fiestra, desde a que se vía unha paisaxe moito máis aceptábel da que (segundo a miña pouca experiencia) se ve desde algunhas prisións españolas, o cal foi unha sorte para Aileen, porque non tiña pensado voltar á cela. O que seguiu foi un xogo de poder entre Aileen, unha prisioneira totalmente rota, e Saul, un veterano da CIA con centos de horas de traballo de campo ao lombo, e a min pareceume poético. El tentou que Aileen confiase nel, ela non o fixo, malia que había deportividade na súa contenda, e finalmente foi Saul o que confiou nela, que o enganou, e aproveitou a súa debilidade para quedar pechada a soas cuns lentes e cortar as veas co cristal. E Saul pareceu xenuinamente triste por perdela, o que contrasta máis coa súa actitude ao comezo do episodio, cando lle pareceu que un rocho sen luz no soto dun edificio de cemento era un sitio máis que aceptábel para pasar 23 horas ao día. Esta foi unha historia coa que non me pareceu que estivese perdendo o tempo, ben espaciada ao longo do episodio e executada, o mellor que dá Homeland cando non lle dá por mandalo todo á merda e converterse en 24... En fin, sigamos.


O que tamén pasou neses tres episodios foi que Quinn se recuperou coma se nada do tiroteo de Gettysburg, e que Quinn é claramente malo. Saul andaba coa mosca detrás da orella, así que mandou a Virgil e a Robin (non sei como se chama o compañeiro de Virgil, pero en serio, desde agora Virgil e Robin e o Virgilmóbil) a osmar ao seu piso, e fixeron un traballo de primeira, coma sempre que se lles encarga algo a eses dous XENIOS: descubriron que Quinn non é quen di ser, é un paranoico da seguridade e ten reunións secretas moi pouco discretas cun tipo da CIA que se dedica a operacións especiais, así que sabemos que Quinn máis que analista é un asasino. Resulta que Estes o puxo ao mando da operación de Saul e Carrie non só para botarlles un ollo, senón para eliminar a Brody cando este xa non fose necesario. No último destes tres fantásticos episodios, mentres a CIA desenvolve a operación contra a Abu Nazir, Quinn faise pasar polo chófer de Brody para matalo en canto lle dean a confirmación, pero por sorte Abu Nazir escapa e Estes anula a orde no último minuto.

O que nos leva a Brody e Abu Nazir, Brody e Carrie. Gústame como a serie explotou esas dúas relacións até agora: na primeira tempada explicáronnos que Abu Nazir rompera a Brody durante o seu cativerio até que non quedaba nada del e despois recompuxérao e déralle amor e un sentimento de pertenza, e para min foi críbel a maneira en que todo iso se foi revelando, como cando Brody lle explicou a Carrie na cabana do bosque que el realmente amaba a Abu Nazir. A segunda tempada tratábase de volver atraer a Brody cara ao lado americano da guerra, e por moito que o ameazasen e Quinn lle atravesase a man cun coitelo, a que estaba a facer o delicado traballo equivalente ao de Abu Nazir era Carrie, querendo ou sen querer, e houbo un paralelismo evidente nas dúas historias: Carrie capturou ao Brody soldado de Abu Nazir en New Car Smell, Carrie rompeuno facéndolle cuestionarse a súa relación con Abu Nazir, con Isah e coa súa propia familia nos capítulos seguintes, e finalmente Carrie tendeulle a man e amouno (máis literalmente que Nazir) en I’ll Fly Away, mentres Peter Quinn se regodeaba e Saul parecía un pai preocupado e asqueado. E, do mesmo xeito que fixera Nazir cando lle deu a Brody unha palmadiña no lombo e lle dixo “hala, a atacar o teu país”, ao día seguinte da súa noite de amor Carrie deulle unha palmadiña no cu e díxolle “hala, a infiltrarte na rede de Nazir”.

Despois diso Nazir fixo unha viaxe aos EUA aparentemente só co obxecto de secuestrar a Brody, o cal é un pouco ida de olla, porque o alter ego de Osama Bin Laden non se vai pasear polas pataqueiras de Idaho coma se nada para convencer a un axente dobre que o está traizoando de que volva ao rego, pero como até o de agora Homeland sempre nos recompensara con historias que ían a algures, deixámolo pasar cun pouquiño de “suspension of disbelief” (outra cousa que non sei como se di en galego). Total, que Nazir secuestrou a Brody, que debe de tomar Nervocalm de almorzo, porque non fan mais que levalo e traelo, soltouno, e nun dos momentos que fixeron a Homeland unha serie maxistral, vimos por medio dun flashback o que Brody lle contaba a Carrie que pasara, pero nunca o que pasara realmente, co cal seguiamos sen ter claro se estabamos perante un axente dobre, triplo ou elevado a infinito. A CIA coordinou unha operación para deter a todos os malos do mundo, na que caeron Roya Hammad e unha chea de extras que estaban cargando explosivos nunha furgoneta das noticias de forma moi pouco discreta, o cal me fixo pensar que toda a historia dos explosivos fora un cebo, e, como xa dixen, Nazir non estaba alí así que Estes e Quinn abortaron a Operación Rick Astley (que é o nome que lle darían ao plan para matar a Brody se os que poñen os nomes das operacións na CIA fosen os mesmos que os que poñen os nomes das da Guardia Civil Española).


Alén diso, a familia de Brody está nun piso franco da CIA mentres dura a operación (non sei se o termo “chabolo franco” está aceptado, pero pedazo chabolo);  Morena Baccarin volveuse liar con Mike, o peor mellor amigo do mundo, o cal espero que lles fixese aliviar tensión sexual e deixar de ser tan lánguidos e insoportábeis; e o fillo de Brody dixo algo sobre que auga da piscina estaba boa e que as pantallas planas molan. Por dios, dádelle algo que facer a ese rapaz!

O que por fin nos leva a:

Homeland (Tempada 2, Episodio 10) ★☆☆☆☆

NOTA: doulle unha estrela porque pasaron cousas, e supoño que a iluminación non estivo mal.

O episodio chámase Broken Hearts, o cal é revelador, porque así me sentín eu.

Daquela, nalgún punto entre o capítulo anterior e este, Homeland, aquela serie chea de matices e caras escuras, converteuse en 24, os putos Estados Unidos do Ben contra as Forzas do Mal con Turbante (non esaxero, acabo de miralo e o seguinte capítulo chámase The Motherfucker with a Turban).

Neste episodio Brody volve ao piso franco e atópase con Morena Baccarin e Mike, o peor mellor amigo do mundo, todos postcoitais e incapaces de disimular. Pasa deles e tenta pasar algún tempiño cos fillos, para compensar por poñer as súas vidas en perigo e iso. Chama Carrie, Morena Baccarin enfádase pero a quen lle importa, porque Brody está feliz como unha perdiz falando en plan adolescente con Carrie, a lo “colga ti primeiro”, e Carrie está a piques de chegar á CIA e poñerse a garabatear “Señora de Nick Brody” e corazonciños en todos os informes clasificados. Pero de súpeto un recurso argumental manido lánzase contra o seu coche, e adeus Carrie, secuestrada polo terrorista máis buscado desde Bin Laden a plena luz do día no medio de Washington (si, o mesmo Washington onde vive o Presidente dos Estados Unidos e onde están o Pentágono e o Congreso e moi perto de onde está a CIA).


Así comeza a demencia. Despois Abu Nazir chama a Brody, amósalle a Carrie atada a unha tubería, e dille que (atención ao plan digno de supervillano de Revolution) a vai matar a menos que Brody se cole no despacho do Vicepresidente Walden, averigüe o número de serie do seu marcapasos e llo pase para que poIda provocarlle un ataque ao corazón a distancia. How fucking brilliant! Para que narices Abu Nazir se pasou 8 anos entrenando a Brody e a Walker e montou todo ese dispositivo con Aileen, o mozo de Aileen, o agregado da embaixada do Líbano e deus sabe quen máis para matar a Walden no bunker, cando era tan doado como roubar o número de serie do seu marcapasos e facelo fibrilar a distancia ou o que sexa? Estiven tentando lembrar se nalgún capítulo anterior se mencionara algo de que o Vicepresidente tiña un marcapasos, porque así e todo négome a crer que os guionistas de Homeland sexan tan chambóns de sacarse da manga un elemento coma ese, pero de verdade que non me lembro. Se estou trabucada, por favor que alguén me corrixa.

Deixando iso á parte, todo o que seguiu esixiume un exercicio de fe que, de facelo, podería ter crido que Brody ía viaxar a Kripton no seu gadgetocóptero e volver cun condensador de fluzo que destruíse a Abu Nazir para sempre. En vez diso, non me cansei de facerlle pedorretas á pantalla do ordenador. Creo que Damian Lewis pensou o mesmo ca min, porque até agora a súa actuación parecérame impecábel mesmo nos momentos máis histriónicos (como matando ao xastre de Gettysburg, por exemplo) e neste capítulo actuou simplemente mal. E non me estraña. Brody correu coma un tolo á residencia do Vicepresidente, onde os axentes do servizo secreto máis incompetentes da historia vixiárono concienzudamente mentres agardaba na entrada e despois, cando preguntou polo baño, deixárono andar só pola casa do Vicepresidente adiante e non se volveron preocupar malia que tardou moito, moitísimo en volver. Brody entrou no despacho, atopou de seguida o maletín do marcapasos, e o único que lle custou un pouco en toda esa fazaña foi ler os números de serie porque eran moi pequenos e, xa se sabe, a presbicia. Menos mal que alguén deixara unha lupa convenientemente apoiada nun andel. Toda esa escena estaba gravada a un ritmo frenético que (penso) quería imitar o do primeiro capítulo da tempada, cando tivera que entrar no despacho de Estes para coller a lista duns posíbeis obxectivos de Al Qaeda. Daquela, eu estivera sentada na beira do asento, dando chimpos de emoción e berrándolle a Brody que se apurase. A escena desta semana foi tan grotesca que non puiden manter os ollos na pantalla todo o tempo. Por fin Brody chamou a Nazir, díxolle que soltase a Carrie primeiro, e este soltouna sen plan B ningún... Seica Abu Nazir secuestrara a Carrie, unha axente de campo da CIA, el só, e non tiña ninguén máis con el no edificio abandonado no que se atopaba (supoño que a implicación era que na operación da semana pasada a CIA detivera a todos os contactos de Abu Nazir e el escapara polos pelos, só e acurralado, pero mesmo eu sei que non é así como se organizan as células de Al Qaeda). Brody leulle os números a Nazir, e Nazir mandoulle un whatsapp ao seu hacker de garda en Beirut, e este activou a secuencia de autodestrución do marcapasos, ou o que fose, aí xa deixei de prestar atención.


Total que o Vicepresidente rematou a súa reunión e entrou no despacho sen escolta, onde non lle sorprendeu para nada atopar a Brody fedellando nas súas cousas, e díxolle unha cousa súper malvada sobre matar nenos árabes ou así, e Brody alegrouse de ter colaborado con Nazir e despois volveu outra escena vergoñenta na que o Vicepresidente sufría un ataque ao corazón mentres Brody o zarandeaba e lle dicía que se alegraba de que morrese por querer matar nenos. Nin rastro do servizo secreto. Nin cando Brody saíu correndo do despacho e comezou a berrar que precisaba un médico, non había ninguén en toda a planta. En serio, en que gasta a Casa Branca os cartos dos contribuíntes?

Mentres, en Langley, Saul enfrontouse con Estes e díxolle que descubrira quen era Quinn e a Operación Rick Astley, e Estes chinouse tanto que ao final do episodio mandouno reter e levar ao calabozo da CIA. Gálvez, o actor secundario que todos os telespectadores esperan que sexa o topo da CIA, volveu misteriosamente do seu leito de morte para axudar porque “soubo que secuestraran a Carrie” e a ningún dos seus colegas espías lle pareceu súper sospeitoso, onde está Virgil cando o precisas? 

E polo medio de todos estes despropósitos, Carrie e Abu Nazir tiveron unha conversa que debía ter sido un duelo de titáns polo amor de Brody e a lexitimidade das súas respectivas guerras santas, e en troques diso foi unha redacción de sexto do meu cole polo día da Paz:


Até aquí a intriga toda, as teorías de se Brody era un axente dobre ou triplo, a doble moral dos dous bandos e a boa televisión. A partir de agora God Save America, témome.

E este foi, para min, o final de Homeland. Moito teñen que amañar os dous capítulos que quedan para que recupere a alegría de vivir.

No comments:

Post a Comment