Resulta
que se me pasou comentar as novas series do verán, e que se me vai
pasar comentar as de outono. O caso é que agora xa non podo ver
corenta series á semana por conciliacións varias (aproveito para
lembrarlles aos medios de comunicación que conciliar a vida familiar
coa laboral non significa ter a quen endilgarlle os fillos mentres ti
traballas 12 horas, que cada vez que sacan unha noticia sobre
programas de madrugadores ou garderías lle chaman “conciliación”).
Total, que agora xa só vexo as series que me apetece ver, así que
se vos acabou o choio de que me trague todo canto truño estrea ABC
para que poidades ler a reseña e non teñades que pasar por iso,
pero, como ás veces tamén me trabuco escollendo, non deixedes de
ler esta última entrega condensada de todas as novas series que vin
nos seis últimos meses, así que veña, velaquí
TODAS
AS NOVAS SERIES QUE VIN NOS SEIS ÚLTIMOS MESES
(para
qué matarse con outro título)
NON É O MOTEL BATES
Room 104
(HBO)
De que vai:
É unha serie antolóxica, cada episodio cubre un xénero distinto,
da comedia ao terror, e narra unha historia que só ten en común
coas outras o cuarto de motel no que sucede todo.
Por que mola: Escribir
con restricións case sempre dá para facer cousas interesantes.
Neste caso, o feito de que as historias duren só media hora e
acontezan nun único escenario fainas moi contidas en si mesmas, coma
un microrrelato, especialmente as de suspense (como “Ralphie” ou
“Phoenix”) e as máis cómicas (“The Internet”).
Por que non mola:
Como cada episodio ten unha temática distinta, e algúns autores non
se repiten, non sempre manteñen o mesmo nivel, pero como só duran
media hora, non hai nada pesado de máis.
A quen lle pode gustar: Dependendo
do xénero, a fans de outras antoloxías como Comic
Strip Presents,
Night
Visions,
Fear
Itself, Masters of Horror
ou Masters
of Science Fiction.
O feito de que todo transcorra nun cuarto do típico motel americano
fai pensar tamén nunha das series máis infravaloradas da historia,
The
Lost Room
(qué boa era!).
Nota serióloga: ★★★★☆
CAPULLOS POR DOQUIER
Top of the Lake: China Girl
(BBC)
De que vai:
Catro anos despois dos sucesos da primeira tempada, a detective Robin
Griffin
volve como detective á súa antiga división en Sidney e ten que
investigar o asasinato dunha moza tailandesa (o de titulalo China
Girl
suponse que é unha crítica a cómo os brancos estereotipan todas as
outras razas, pero realmente parece preguiza por parte dos
guionistas)
que aparece aboiando en Bondi Beach dentro dunha maleta. Mentres, a
filla que deu en adopción hai 17 anos é insufrible.
Por que mola: Elizabeth
Moss é moi boa, e Gwendoline Christie, nun papel no pólo oposto da
súa Brienne de Game
of Thrones
tamén, e
o misterio inicial ten algo de gancho, malia se ir desinflando en
cada episodio.
Por que non mola: Cada
capítulo son 60 minutos de homes sendo uns auténticos capullos en
grados diversos, e non é que non resulten todos moi cribles, pero
chega a cansar por saturación. A idea de Jane Campion de escribir
personaxes femininas complexas rodeadas de personaxes masculinos
planos (e capullos) para dárlle a volta á narrativa tradicional
funcionaba moi ben na primeira parte da serie, pero aquí é tan
pouco sutil que perde forza. No canto de afondar na obxectivización
permanente da muller ou na bazofia misóxina que teñen que aturar as
mulleres en posicións de poder, os machopirolos desta edición
sáenlle comicamente
machopirolos. Iso, unido ao feito de que as personaxes principais
(brancas e máis ou menos acomodadas) están tan enleadas nos seus
dramas persoais que practicamente se lles esquece investigar a morte
da personaxe que lle dá título (asiática e pobre), e que o único
con algo parecido á conciencia de clase semella ser o malvado
proxeneta, fan pensar que se cadra a Campion tamén lle dan igual as
personaxes pobres non brancas.
A quen lle pode gustar: Con
todo, ten semellanzas abondo coa primeira parte (en ton, sobre todo)
como para que aos fans lles guste.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
O QUE STEPHEN KING PREDICIU
Mr. Mercedes
(AT&T)
De que vai:
Baseada na novela de detectives de Stephen King, un sociópata que
hai varios anos cometeu un atropelo masivo (antes de que fosen
trending topic), entretense puteando anonimamente ao detective que na
altura non conseguiu collelo, e o detective, xa retirado, pícase e
decide volver ao choio.
Por que mola: Sei
que dicir “baseada na novela de Stephen King” é case unha
garantía para que unha serie sexa desastrosa, porque aí temos Under
the Dome
ou Nightmares
and Dreamscapes
para lembrárnolo, pero esta é unha das que saíron bastante
decentes. Brendan Gleeson fai un Bill Hodges tan humano coma o da
novela, pero co seu propio matiz, o que é de agradecer, e malia que
a historia apenas varía con respecto ao libro, ao ter tempos e
organizacións diferentes, non se fai innecesaria como acontece con
outras adaptacións demasiado “literais”. Ah! E a secuencia dos
créditos, con cambios moi sutís en cada capítulo acompañando It’s
not too late
de T-Bone Burnett é das mellores que vin ultimamente.
Por que non mola:
Os primeiros capítulos pódense facer algo repetitivos se liches a
novela, pero esa sensación pasa segundo afonda na trama. O personaxe
de Brady, a némesis de Hodges, é demasiado normal, se cadra polo
actor que o interpreta, e iso faino menos crible como asasino
sociópata. Iso e que nos queren meter no fociño que escoita
punk-rock a todas horas e moi alto xa
que logo
ten que ser un mal tipo.
A quen lle pode gustar: A
fans de Stephen King, claro, pero tamén a quen lle gusten as
intrigas pouco convencionais.
Nota serióloga: ★★★☆☆
FRANQUICIA KING INC.
The Mist
(Spike)
De que vai:
Outra baseada nunha novela de Stephen King, desta vez máis
convencionalmente de terror: unha néboa mesta envolve de súpeto
unha pequena vila de Maine, y lo que pasó a continuación no te
sorprenderá.
Por que mola: Porque
hai monstros e todo acontece nunha pequena vila idílica.
Por que non mola:
Lembrades unhas liñas máis arriba, cando dixen que dicir
“baseada na novela de Stephen King” é case unha garantía para
que unha serie sexa desastrosa? Pois iso. Esta en concreto parece a
resposta de The Asylum á primeira adaptación de The
Mist,
que non era brillante pero tiña escollas moi boas (como o final
devastador). Esta, a diferenza de Mr.
Mercedes
é totalmente prescindible.
A quen lle pode gustar: A
incondicionais de Stephen King, pero dos que ven as adaptacións
malas para poder criticalas a gusto.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
EL FUTURO YA ESTÁ AQUÍ
The Handmaid’s Tale (Hulu)
De que vai:
Seguindo coas adaptacións de novelas, Hulu adapta o clásico
contemporáneo (e seica até agora descoñecido para o público non
anglosaxón) de Margaret Atwood: nun futuro distópico que está en
realidade fabricado co presente doutras latitudes, desde o roubo de
bebés de disidentes até os réximes integristas pasando pola
ablación e a queima de libros, coñecemos a historia de Offred, que
no novo mundo ten o papel de incubadora humana (violación
ritualizada mediante) para as clases dirixentes da República de
Gilead.
Por que mola: Porque
as atrocidades contras as mulleres nunca pasan de moda, amigos. A
serie está moi ben feita, tanto do punto de vista visual (os planos
das criadas cruzando a cidade coma formiguiñas guiadas ou rodeando a
unha parideira son fermosísimos, a contención que amosa a cámara
da perspectiva de Offred cada vez que a violan di máis que se
enfocase o acto en si) como do da construción de personaxes (é
interesante, por exemplo, ver como Serena Joy, que foi unha estratega
do golpe, asume no novo mundo a súa condición de ser inferior á
vez que descarga as súas frustracións nas criadas). Todo axuda a
construír un relato distópico, si, pero que se es muller non
resulta totalmente alleo.
Por que non mola:
Por agora a primeira tempada rematou, máis ou menos, onde remata o
libro, pero polo visto non aprenden e vai haber máis, así que a
saber en qué dexenera.
A quen lle pode gustar: A
fans das distopías e da historia alternativa, a xente á que lle
gusten as series dramáticas de poucos episodios.
Nota serióloga: ★★★★★
O SUICIDIO É O NOVO NEGRO (EN SERIO,
NON)
13 Reasons Why
(Netflix)
De que vai:
Unha
adolescente suicídase, pero antes tómase a molestia de gravar unha
serie de cintas para todas as persoas ás que ela considera
responsables, nas que explica exactamente cómo influíron no seu
suicidio, conseguindo así o que ningún suicida consegue xamais: ter
a última palabra e controlar o seu contorno despois de morta.
Por que mola: Non
se me ocorre ningunha razón (xa non digamos 13) pola que a serie
mole: nin a premisa (que parte dun pacto co espectador pouco
verosímil), nin os personaxes (que son odiosos e non provocan
empatía ningunha), nin sequera a produción din nada.
Por que non mola:
Entendo que é unha serie de ficción, e nunca lle pedín a unha
serie de ficción que encerrase unha ensinanza ou que tivese contido
didáctico de ningún tipo, pero sendo unha serie que ten como
público obxectivo a rapazada, tócame un pouco as narices a visión
romantizada que dá do suicidio: por unha banda, a moza obxecto do
acoso escolar é guapa, delgada, lista e simpática (e sei que
ninguén está libre de sufrir acoso, pero por qué non usar unha
protagonista máis realista?); polo outro, o seu suicidio non é a
fin da súa vida, senón o momento en que os que a ignoraron até
entón comezan a escoitala e a convertela no centro de atención, co
cal non é que a serie non teña mensaxe, é que ten unha mensaxe
escrita nun rótulo de neón con letras de catro metros de alto que
di “a morte non é a fin da vida, despois de morta aínda podes
volver a poñer a todos os que che fixeron dano no seu sitio e ser
por fin a máis popular do instituto” e iso paréceme un pouco
irresponsable. Alén desa lectura (que sei que ten moito de
moralista, qué lle vou facer), a premisa en si non se sostén: a
rapaza grava 6 cintas e media onde explica todo o que lle aconteceu,
o protagonista recíbeas e ponse a escoitalas para saber por qué se
suicidou, pero como a serie ten que durar 13 episodios (un por cada
cara de cinta), o rapaz para cada dúas por tres para ir buscar os
outros que tamén as recibiron e preguntarlles qué lle fixeron á
moza, o que sabería simplemente escoitando as cintas seguidas (cousa
que, por certo, mesmo os outros personaxes lle repiten unha e outra
vez que faga).
A quen lle pode gustar: A
fans de melodramas adolescentes, pero moi moi melodramas e moi moi
planos. Iso si, eu como son unha rancia chantaríalle un Parental
Advisory.
Nota serióloga: ☆☆☆☆☆
SE NON CHEGABA COS VAMPIROS DE
LOUISIANA...
Midnight, Texas
(NBC)
De que vai:
Adaptada
dunha novela de Charlaine Harris, continúa coa mitoloxía de
vampiros, trasgos e demais monstros de True
Blood,
desta vez nunha pequena vila de Texas onde todos os habitantes son
seres sobrenaturais.
Por que mola: É
que non ledes? Vampiros, trasgos e demais monstros nunha pequena vila
de Texas.
Por que non mola:
No primeiro episodio, True
Blood
era capaz de debuxar con poucas pinceladas un universo crible onde os
vampiros eran reais e había tempo que saíran do armario (e a
escolla de palabras non é casual, porque as semellanzas entre o
colectivo vampírico e a loita polos dereitos LGBT+ era moi buscada
naquela). En Midnight,
Texas,
o feito de que o protagonista non se inmute cando se atopa co seu
primeiro vampiro resulta inverosímil, sendo el vidente e todo, e de
aí en diante é difícil suspender a incredulidade.
A quen lle pode gustar: A
fans de Charlaine Harris, sobre todo.
Nota serióloga: ★★★☆☆
BUA NENO, QUE MOVIDA
Somewhere Between
(ABC)
De que vai:
A ver se o digo ben. Unha xornalista experta en crimes tenta atrapar
a un asasino en serie, pero este secuestra e mata á súa filla
pequena. Até aquí todo ben. Entón a señora tenta suicidarse sen
éxito e esperta unha semana antes do asasinato da filla, pero
lembrando todo o que pasou despois, e tenta atrapar ao asasino antes
de que (re)mate á nena.
Por que mola: Porque
a premisa é moooooi tolai, como non podía ser doutro xeito baseada
nunha retorcida serie coreana.
Por que non mola:
Os actores meh, e a tola premisa non se sostén cun guión bastante
charramangueiro. En xeral dá a sensación de ser a serie coreana
pasada por Google Cultural Translate.
A quen lle pode gustar: A
incondicionais da típica serie de misterio con toque sobrenatural
que cae todos os veráns (The
Whispers,
Zoo...)
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
DRAMA FROIZDIANO... DOS DE LORENZO
The Sinner
(USA)
De que vai:
Unha nai de familia infeliz e con tendencias suicidas está a pasar o
día na praia cando de súpeto soa unha canción que lle fai
transformarse nunha tola e apuñalar até a morte a un mozo que
pasaba por alí. A medida que a trama avanza, descubriremos que a
canción desatou nela unha memoria reprimida e
zzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzz
Por que mola: Que
di a crítica que é moi interesante e impredecible. Eu, despois de
ver o segundo capítulo, vou escribir a revelación final, metela
dentro dun sobre, e abrilo en directo cando remate a serie.
Por que non mola:
Diga o que diga a crítica americana, o guión para escrito cunha
plantilla para dramas psicolóxicos con reviravolta final.
A quen lle pode gustar: A
fans dos dramas psicolóxicos con reviravolta final. Iso si, que non
sexan demasiado esixentes e se sorprendan facilmente.
Nota serióloga: ★☆☆☆☆
PARA ESTAR GUAPA HAI QUE SUFRIR
Claws (TNT)
De que vai:
A dona dun salón de beleza e as súas empregadas branquean cartos da
droga para a mafia local, pero cando van cobrar os beneficios, os
mafiosos tentan chulealas con interesantes consecuencias.
Por que mola: É
unha volta do clásico drama mafioso, desta vez as protagonistas son
mulleres traballadoras, e a súa forma de lidiar cos asuntos da mafia
teñen moito que ver con como se relacionan entre elas e como son
percibidas polos homes que teñen arredor. Como bonus, sae Carrie
Preston.
Por que non mola:
Aínda que a premisa sexa fresca, cae facilmente nos estereotipos de
xénero e clase, e Dean Norris está tan pasado de rosca no seu papel
de capo mafioso que case me fixo botar de menos os seus tempos de
Under the Dome.
A quen lle pode gustar: A
quen lle gusten os dramas cun toque de comedia negra, do
estilo de Breaking
Bad
e Better
Call Saul.
Nota serióloga: ★★★☆☆
BILLY
BOB THORNTON NON REMATOU DEREITO NIN PAGANDO
Goliath (Amazon)
De que vai:
David E. Kelly
tenta coller o ronsel de Better
Call Saul
cunha serie sobre un avogado vido a menos, que noutros tempos fundou
un prestixioso bufete co seu amigo da alma -agora inimigo- e que
mandou todo ao carallo polas súas malas decisións. Agora malvive
entre un motel e o bar do lado, e leva fianzas de delincuentes comúns
até que se lle presenta a oportunidade de vingarse do seu antigo
bufete cunha demanda civil millonaria.
Por que mola: Todo
mundo adora a Billy Bob Thornton e non serei eu quen lle leve a
contraria. Alén diso, a historia xudicial ten intriga abondo como
para seguir a serie (son 8 episodios).
Por que non mola:
Basicamente é unha mestura de
todos os estereotipos sobre o antiheroe, pero aquí levados até o
paroxismo: o malo (o ex compañeiro de bufete) é tan malo que mesmo
ten a metade da cara queimada, e só lle falta acariñar un gato;
todas as mulleres que coñeceron algunha vez ao protagonista séntense
irremediablemente atraídas por el; malia ser un alcohólico que
malvive nun rocho, Billy Bob é o mellor avogado do mundo e
impresiona a xuíces e outros avogados por igual coa súa habelencia
xudicial; a conspiración contra el conta con matóns e polis
corruptos...
A quen lle pode gustar: A
fans moi fans dos dramas xudiciais, pero coa advertencia de que este
é máis escuro que o que adoita facer David E. Kelly (The
Practice,
Boston Legal...)
Nota serióloga: ★★☆☆☆
Até aquí o que vin, como vedes faltan
cousas deste ano que teño pendentes, como The OA, I’m dying up
here ou Comrade
Detective, pero xa me poño...
Como curiosidade direivos que a maioría destas series son
adaptacións de libros, e aínda que sempre houbo adaptacións, o
volume destas lévame a confirmar a miña idea de que a terceira
idade de ouro da televisión está cada vez máis kaput, e se cadra
deberíamos volver a nosa atención a outras cousas. Aos libros nos
que se basean, por exemplo.