Thursday 7 August 2014

guía para engancharse a... Under the Dome

Como ben sabedes, este blog ten máis vocación de servizo público que os anuncios de desaparecidos que botan en Radio 3 ás 5 da mañá, así que nunha nova iniciativa para que gocedes coas series americanas que todos baixades de quince en quince e despois non tedes tempo para ver, aquí chega un novo apartado da serióloga titulado Guía para engancharse. Como sempre, spoilers galore!


Esta semana: Guía para engancharse a Under the Dome

De que vai

Como moitos xa saberedes, Under the Dome está libremente baseada nunha novela desa máquina de facer cartos que se chama Stephen King. Insisto no de “libremente” porque, agás os nomes da vila e dos personaxes e a premisa inicial, todo parecido coa novela é pura coincidencia. Pero en todo caso, levar o selo de aprobación do señor King nunca garantiu a calidade dun produto televisivo, aínda me choran os ollos se lembro algún dos exemplos máis flagrantes...


Unha excepción notábel sería Haven, que tamén está moi libremente inspirada no libro The Colorado Kid, de King (máis libremente que Under the Dome, mesmo) e é unha boa serie sobrenatural.
Pero, ao que imos, por onde comezar a explicar Under the Dome?

Resulta que un día calquera, nunha vila americana calquera chamada Chester’s Mill, unha cúpula xigantesca aparece da nada, illando parte da vila do resto do mundo. Iso está moi ben, porque en principio semella unha premisa interesante para todo o que pode pasar despois sen ter que recorrer a cousas raras como mafias e clubs secretos de loita (pero si, amigos, recorren a iso), e sobre todo porque o momento na que a cúpula se pousa sobre Chester’s Mill está bastante currado, con imaxes coma esta:


De seguida desátase o caos, xente tentando desesperadamente atopar unha saída da cúpula e os bombeiros e as ambulancias, que por algunha estraña razón estaban todos fora da vila, tentando entrar. Este é o momento no que coñecemos os nosos heroes.

Os protas

Primeiro está o ex-militar Dale Barbara, Barbie, o forasteiro que pasaba por alí e que é demasiado listo para o seu propio ben, ou iso é o que a serie se empeña en demostrar, porque a verdade é que moi listo non é.


Despois está a intrépida xornalista Julia Shumway, que tamén é moi lista. A súa traxectoria na serie resúmese deste xeito: primeiro desconfía de Barbie e está moi preocupada porque non localiza o seu home, e non sabe se quedaría fóra da cúpula ou algo. Un par de capítulos despois decide que o seu home a abandonou e comeza a poñerlle ollos tenros a Barbie, quen finalmente lle confesa que é un asasino a soldo e que matou o seu home por unhas débedas de xogo (certo). Julia anóxase con el medio capítulo en tempo real e uns dous días en tempo-cúpula, e finalmente fan o amor con música de violíns e unha sutil elipse entre o primeiro bico e o postcoito, porque isto é a CBS e non a HBO, e comezan a vivir xuntos e se comportar como se fosen unha parella de toda a vida. Pero, chachán, o conflito entra en xogo nesta segunda tempada, porque Julia comeza a ter fe (si, amigas) en que a cúpula é unha especie de deidade que guía os seus destinos, e se rebota moito con Barbie porque el é o racional, se é que iso é posíbel nesa parella.


Despois está Big Jim Rennie, que é o teu alcalde do PP ao uso. Ademais de gobernar Chester’s Mill con man de ferro e tanta incompetencia como calquera outro dos habitantes faría, Big Jim é o vendedor de coches usados, o produtor/distribuidor de drogas local e o pai dun zumbado chamado Junior. Pero sobre todo, e para gran escarnio da que lles fala, Big Jim está interpretado por Dean “Jesuschristmarie” Norris, co cal, ver cada capítulo de Under the Dome é como cuspir sobre a tumba de Hank Schrader. E desenterrar o seu cadáver e mexarlle enriba. Varias veces.


Non teño claro se Junior só está tolo, se sufre algún retardo medicamente descrito, ou se os seus pais lle prestaron tan pouca atención de neno que é como eses chavales que parecen autistas sen o ser. Tan pronto está secuestrando quinceañeras e encadeándoas nun zulo como apuntando armas á cara da xente como tentando matar a Barbie como chorando porque a súa nai pinta cadros coa sensibilidade artística dun mandril con encefalopatía. Agora habemos chegar a como e por que o departamento de policía de Chester’s Mill é o máis incompetente desde a  invención da policía, pero sobra dicir que unha das primeiras decisións da nova sheriff é darlle unha placa, un arma e un coche patrulla a Junior, basicamente porque nunha das crises que asolan a vila cada dez segundos, el mantivo a orde apuntando un rifle á cara dun pobre home que só quería saír do hospital.


O que nos leva a...

Observen o poderío do departamento de policía de Chester’s Mill manobrando


Resulta que a cúpula actúa como unha especie de inhibidor, e cada vez que se achega un aparato electrónico a ela este deixa de funcionar ou estoupa ou algo. Mala sorte para o xefe de policía de Chester’s Mill, que levaba un marcapasos e foi dos primeiros en achegarse a investigar a cúpula.

Na ausencia do sheriff, quedaron en Chester’s Mill os policías máis listos do departamento: a axente Linda, o axente Paul, e un terceiro axente ao que non lle chegaron a dar nome. No segundo episodio, o axente Paul toleou e tentou desfacerse da cúpula disparando, pero as balas rebotaron e déronlle ao terceiro axente, que deixou de ser tal e pasou a engrosar a lista de falecidos por ataque de cúpula. O axente Paul seguiu a súa escalada de violencia até que a axente Linda tivo que rematalo en defensa propia, e así é como Linda se converteu na nova sheriff do lugar, polo menos até a estrea da segunda tempada.


Na lista de éxitos da axente Linda figuran, entre outros:

-Cando o axente Paul estaba arrestado por disparar (sen querer) ao outro policía, fixo o vello truco de afogar na súa propia saliva para que Linda se achegase a axudalo e, cando a tivo cerca, bam!, desarmouna, pechouna na cela e marchou roubando un feixe de rifles de asalto. Ben xogado, Linda!

-A axente Linda asumiu as súas novas responsabilidades como xefe de policía Linda nun episodio no que os militares do exterior planeaban lanzar un mísil contra a cúpula e mandaron a todo o mundo a se despedir dos seus seres queridos con moi pouco tacto. Sabendo de primeira man o perigoso que era achegarse á cúpula, Linda prohibiulle a todo o mundo tocala ou achegarse demasiado, e xusto despois diso veu o seu mozo bombeiro do outro lado, e ela fixo isto:


-SPOILERACO: Hai un episodio no que a cúpula se volve magnética e as cousas metálicas que están perto saen voando e se pegan a ela (inexplicablemente, todo o que saíu voando cara á cúpula foron triciclos e grellas, así que supoño que haberá unha tenda de triciclos e barbacoas nunha das beiras de Chester’s Mill). Barbie está pegado á cúpula por unhas esposas que lle puxera Linda momentos antes, e un coche sen o freo de man posto vai avanzando cara el moi, moi amodo. En vez de a) frear o coche ou b) turrar de Barbie para quitalo da traxectoria do coche, a axente Linda decide empurrar a Barbie e despois sofre unha transmutación en cervo cegado polos faros e queda parada no sitio, durante moito moito tempo, esperando a que o coche sexa atraído pola cúpula, con tráxicas consecuencias.

Os adolescentes

Se o cociente intelectual do cidadán medio de Chester’s Mill anda arredor de 70, a LOGSE de Chester’s Mill debeu de ser terrible, porque eses nenos!

Os adolescentes protagonistas da trama son: Joe, un alelado que nos primeiros episodios engana a todos facéndolles crer que sabe algo de trigonometría, anotando números nun caderno e finxindo que mide a cúpula, e a medida que pasan os capítulos vai perdendo materia cerebral e remata por propoñer facer unha análise de sangue a unha rapaza que saiu dun ovo (demasiado longo para explicar) para determinar se é humana, levándoa a cabo da seguinte maneira:

Como lo cuento
Norrie é unha das personaxes máis carismáticas e convincentes que vin en todos estes anos de analizar series de telev...Haha NON. Norrie quedou atrapada na cúpula cando estaba de paso coas súas nais, creo que de camiño a visitar a súa mellor amiga e mentora Dana Brody. Unha das súas nais morreu porque a outra non foi egoísta abondo para roubar do hospital as doses de insulina que tan desesperadamente precisaba, e a que queda viva é un personaxe secundario que aparece cando hai que facer recheo no café de Chester’s Mill, así que o único que fai Norrie é enrollarse con Joe e en xeral dar polo cu pero non literalmente porque os dous deixaron claro que querían ir amodo na relación.


Os favoritos do público (mostraxe extraída dun total de: eu)

Coa Sheriff Linda fóra de xogo, é difícil decidirse polo personaxe máis estúpido ou inverosímil, aínda que hai algúns candidatos á súa altura.

Ben é o amigo burro de Joe, e falando de Joe, dicir amigo burro é un novo nivel de burremia que só se acada con perseverancia e múltiples golpes na cachola. O papel de Ben na serie é, basicamente, facer festas *ehem* salvaxes aproveitando que a maioría dos pais de Chester’s Mill quedaron do lado aburrido da cúpula, dicir que non entende nada e poñerse constantemente en perigo para que alguén teña que arriscar a vida para rescatalo. O mellor de Ben é a súa actitude desenfadada, chillanxing total, como se non estivese deseñado por un executivo da CBS que pensa que sabe como falan os chavales hoxe en día:


O reverendo. Xa non me lembro do seu nome porque apareceu en moi poucos capítulos, pero que actuación, señoras e señores. O reverendo era Pepe Viyuela meets Buster Keaton, puro slapstick e fatalismo. O único que podo facer para compartir a miña adoración polo reverendo, é mostrarvos o que fixo para queimar uns papeis que o incriminaban no asunto das drogas.

Por "Reverend on fire" non me ven nada no youtube, pero por favor, é FUNDAMENTAL que miredes esta escea. É o episodio 2 da primeira tempada, que está dispoñible nos vosos proveedores de series habituais.

Rebeca, a Profe de Ciencias Sociópata. O bo que ten Chester’s Mill é que, malia estar cercada por unha cúpula, ter problemas de abastecemento, e sufrir cada tres minutos a ameaza dunha catástrofe inminente, non deixan de agromar novos cidadáns aquí e acolá. Xente que estaba presuntamente ocupada durante a tontada esa da cúpula xigante que se materializou da nada e isolou por completo a vila e matou unhas ducias de habitantes, e que de cando en vez aparecen de súpeto no café da vila dicindo “ola, estiven aquí, en segundo plano, todo o tempo”. Rebeca a Profe de Ciencias Sociópata é unha delas, unha adquisición deliciosa da segunda tempada, e a súa misión é basicamente non sorrir nunca e matar moscas a canonazos. E se esa imaxe vos parece esaxerada, isto é o que fixo para acabar cunha praga de eirugas que ameazaban as colleitas de Chester’s Mill:


Ah, si! Alén diso, tamén propuxo facer un censo para ver como de útil era cada habitante da cúpula, e despois desenvolveu no seu laboratorio da escola unha nova cepa de gripe porcina para matar o 20% da poboación e ter máis recursos para os superviventes. Todo o que fai faino en nome da ciencia e con cara moi seria, e cada vez que alguén a acusa de cometer crimes de lesa humanidade, ela deféndese berrando “ciencia!” Con todo, non importa moito o que faga, porque como os habitantes de Chester’s Mill teñen a memoria dunha gamba e o cerebro de media, Rebeca a Profe de Ciencias Sociópata pasou unhas tres horas no cárcere e no capítulo seguinte déronlle acceso a todos os explosivos da vila, aparentemente.

Si, amigos, uns dos residentes a eliminar pola gripe porcina era este tenro bebé, e cando Big Jim tratou de opoñerse, Rebeca a Profe de Ciencias Sociópata deixouno mudo berrando "Darwinismo!"

O misterio do café de Chester’s Mill

O café de Chester’s Mill é o lugar de reunión para os habitantes da cúpula. A súa dona morreu ao pouco de comezar a serie, e desde aquela a porta quedou aberta, e calquera que pase por aí é libre de entrar na barra, facer cafés para os seus paisanos e preparar o almorzo para todos botando man do subministro máxico ilimitado da despensa (ou se cadra a longa man da Iniciativa Dharma tamén está detrás disto? Cuando menos inquietante, Carmen...).

Á parte da conspiración do eterno subministro de alimentos, a forma en que os chestermilianos levan o café é o máis parecido que vin eu á colectivización, e funciona, pero shhh! non vaian censurar a serie por bolivariana.


As cousas divertidas que pasan dentro da cúpula cada semana

Tede presente que o tempo na cúpula non segue o horario GMT. O que para nós foron dous veráns interminábeis de agonía televisiva tradúcese en apenas unhas poucas semanas en Chester’s Mill, a xulgar pola continuidade da serie. Nesas semanas, os habitantes de Chester’s Mill enfrontáronse a:

-unha cúpula xigante que se materializou da nada.
-un incendio nunha casa que demostrou que os chestermilianos non saben facer unha cadea con cubos de auga nin que lles vaia a vida niso.
-o brote de meninxite que levou a poñer en corentena UNHA DAS PORTAS do hospital.
-unha tentativa do exército de destruír a cúpula lanzando un mísil nuclear que devastou a terra do outro lado e ao mesmo tempo fixo que toda a vexetación se rexenerase en dous capítulos.
-varios cortes de auga que se resolveron sen problemas con chuvia.
-unha crise de escaseza de comida que se resolveu sen problemas cando unha personaxe secundaria confesou que era unha acumuladora compulsiva e que tiña toda a súa casa, TODA, chea de produtos envasados que non caducaban nunca.
-outra das personaxes pop-up montou un club de loita clandestina nunha fábrica abandonada, e todos os chestermilianos foron mirar.
-a cúpula virou magnética e todos os triciclos e grellas de Chester’s Mill voaron cara ela.
-varios intentos de linchamentos populares, para os que mesmo se chegou construír un cadalso na praza da vila.
-pantasmas das personaxes mortas.
-un asasino en serie que só matou unha vítima.
-unha tormenta de area que tupía a cúpula e impedía a correcta ventilación.
-un predicador tolo que bautizaba con ácido.
-a praga de eirugas e o posterior incendio das colleitas provocado para contrarrestar o seu efecto por Rebeca, a Profe de Ciencias Sociópata.
-chuvia ácida, que Rebeca combateu botando no lago de Chester's Mill un bote de deterxente??
- Rebeca, a Profe de Ciencias Sociópata en todas e cada unha das súas aparicións.

Unha sólida formación científica

O que os habitantes de Chester’s Mill teñen de burros, téñeno tamén de enxeñeiros. No tempo indeterminado que levan debaixo da cúpula xa se apañaron para construír o devandito cadalso, un contra-imán xigante para reverter o campo magnético da cúpula e un xerador eólico feito con chapas de sinais recicladas ao que engancharon unha mangueira para fabricar o humidificador máis grande na área dos tres estados.


A metafísica detrás da serie

Vouno tentar resumir: resulta que no centro xeométrico da cúpula, que varía segundo o episodio, atópase unha mini-cúpula que se ilumina cando catro mans particulares a tocan e comeza a proxectar hologramas rosas como unha tola por toda canta parede haxa perto. Ás veces tamén proxecta pantasmas que lle din aos personaxes que fagan cousas estúpidas como aforcarse no cadalso da vila. Dentro desa mini-cúpula hai un ovo negro, e cando se activa fai un zunido que só molesta a algúns personaxes e as bolboretas compórtase de xeito estraño e a cúpula se magnetiza, e algúns dos protagonistas pensan que a cúpula é unha especie de deus que lles dá ordes e por iso sacaron o ovo de dentro cando virou rosa e tirárono ao lago e despois no medio do lago naceu unha rapaza que levaba morta desde o 88 cando tocara un meteorito que posteriormente se converteu no ovo negro de dentro da mini-cúpula.

Daquela, o teu consello... Debería ver Under the Dome?


POR SUPOSTO. Non podo enfatizar máis a necesidade de ver esta gran serie, no ronsel de outras que nos deixaron antes como The Event, Flash Forward, RevolutionZero Hour... Se podes, míraa cos teus amigos, e cada vez que Julia diga algo que non ten ningún sentido como “a cúpula quere que sexa alcaldesa” bebede un chupito. Cada vez que algún dos actores principais bote man do afamado método “función de fin de curso do meu colexio” bebede outro chupito. Cada vez que Norrie poña cara de cu bebede un grolo, e cada vez que unha crise de proporcións bíblicas se resolva nos cinco últimos minutos do episodio cun deus-ex-machina en forma de señora tola que acumula provisións na súa casa bebede a copa enteira. E como vai os luns, é mellor que pidades o martes libre.

No comments:

Post a Comment